Página  >  Opinião  >  Correlingua, unha actividade escolar en defensa do idioma

Correlingua, unha actividade escolar en defensa do idioma

O Correlingua é unha actividade escolar de carácter lúdico que busca facer da mocidade a protagonista da reivindicación do dereito a vivir e medrar en galego. A actividade iníciase no mes de outubro coa convocatoria de varios certames escolares e todo culmina na primeira quincena de maio, onde as rúas das cidades e vilas galegas énchense de mozas e mozos de todas as idades que reclaman o seu dereito ao uso da súa lingua.

A Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino) defínese como unha organización que traballa en prol dun ensino galego, público, democrático, laico e gratuíto. Por tanto, como organización sindical nacionalista que somos, defender un ensino na nosa lingua e inserido na nosa realidade é o obxectivo primeiro da nosa federación, porque a reivindicación de que a nosa lingua propia estea presente con normalidade nas aulas, como debe de estalo en toda a sociedade, é unha cuestión central: somos unha nación, somos un pobo dotado dunha cultura propia porque mantemos unha lingua que é a única lingua propia de Galiza, lingua común co Estado que naceu ao sur do Miño onde como dicía Castelao: “a nosa lingua florece”.
Este obxectivo básico explica por que esta central sindical ten entre os seus cometidos a reivindicación do uso do noso idioma nas aulas, reclamando para isto a impartición do ensino en galego e a formación do profesorado, a elaboración de campañas en prol do noso idioma ou a participación xunto con outras entidades en plataformas que traballan na defensa da lingua (“Queremos Galego”).
É por iso que no ano 2000, despois de ter denunciado os escasos avances no uso da nosa lingua nas aulas e comprobar que a política da dereita na Xunta de Galiza non procuraba avances para o noso idioma, puxemos en marcha unha nova actividade, o Correlingua, unha actividade escolar de carácter lúdico que buscaba facer da mocidade a protagonista da reivindicación do dereito a vivir e medrar en galego. A actividade ía procurar tamén o concurso da sociedade en xeral e para iso recuperabamos e ampliabamos as tradicionais carreiras pola lingua que, xa durante os primeiros anos da democracia, foran unha ferramenta de difusión e defensa das linguas propias dos diferentes territorios do Estado español.
Esta iniciativa púxose a andar conxuntamente co movemento de renovación pedagóxica Asociación Socio-Pedagóxica Galega e o movemento de defensa da lingua A Mesa pola Normalización Lingüística. Reclamamos ademais os concursos de varios concellos, formando parte da propia organización da actividade, hoxe, os de Vigo, Pontevedra, Lugo e Compostela. Contamos ademais coa colaboración doutros moitos concellos ou das Deputacións de Lugo, A Coruña e Ourense. Diferentes dependencias da Xunta de Galiza só chegaron a colaborar co Correlingua durante os catro anos en que gobernaron o PSOE [Partido Socialista Obrero Español] e o BNG [Bloque Nacionalista Galego].
A actividade iníciase no mes de outubro coa convocatoria de varios certames escolares a través dos cales se van elaborando materiais que logo serán utilizados para as carreiras e festas finais que se celebran no mes de maio, todos eles materiais que se elaboran desde os centros escolares, para o que contamos coa colaboración fundamental do profesorado. Trátase, por tanto, de que os mesmos destinatarios da actividade sexan á vez os seus protagonistas e que a través dela comproben a utilidade do noso idioma, que poden e que queren usalo, que coa nosa lingua están no mundo.
Todo culmina na primeira quincena de maio onde durante dez días lectivos, previos ao 17, día das letras galegas, as rúas das cidades e vilas galegas énchense de mozas e mozos de todas as idades que reclaman o seu dereito ao uso da súa lingua. A actividade celébrase en quince localidades, despois de se incrementar en cinco as dez localidades iniciais, e acadamos unha participación duns 45000 rapaces e rapazas, participación que se veu incrementando ano a ano desde a primeira edición.
Nestes once anos fomos quen de converter a actividade nunha cita que centros, profesorado e alumando agardan. Un momento festivo e reivindicativo en que as aulas saen á rúa e proclaman ante toda a sociedade que en galego vivimos e existimos. Unha actividade necesaria para que as xeracións futuras manteñan vivo o noso idioma. Porque, volvendo citar a Castelao, “se somos galegos é por obra e graza do idioma”.

Marta Dacosta


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo