Página  >  Edições  >  N.º 177  >  25 anos de educadores pola paz

25 anos de educadores pola paz

Este ano 2008 celebramos o vixésimo quinto aniversario do grupo Educadores pola Paz do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega. Foi fundado en Vigo no ano 1983 por dúas persoas, Manuel Bragado, naquel momento mestre e desde hai anos director de Edicións Xerais, e por quen isto asina. A primeira actividade pública de Nova Escola Galega, fundada igualmente en 1983, foron as Primeiras xornadas sobre educación para a paz, organizadas por Educadores pola Paz, celebradas en Vigo do 13 ao 18 de xaneiro de 1984 e cunha importantísima resposta de asistencia.
Educadores pola paz é o primeiro grupo da historia de Galicia sobre educación para a paz. Desde esta condición, asentamos, na teoría e na prática, a educación para a paz no noso país e no conxunto do Estado. Anos maís tarde tamén teríamos unha posición central no país veciño e irmao, Portugal, a través de cursos, conferencias e publicacións, e que ten a súa expresión máis xenuina na organización conxunta dos Encontros Galego-Portugueses de Educadores pola Paz. Precisamente nos días 18 ao 20 de abril celebramos en Vigo o XXII Encontro (máis información na nosa web: www.educadorespolapaz.org).
O seu nacemento foi a consecuencia do traballo que, sobre esta temática, estaba a desenvolver desde o ano 1981, moi especialmente desde a miña chegada a Vigo en 1982. As experiencias desenvolvidas no Colexio Público García Barbón de Vigo, onde fun destinado, e a aparición dos primeiros artigos en 1983 en xornais e revistas profesionais, deu lugar a súa orixe coincidente co nacemento de Nova Escola Galega. Desde a súa fundación ata a actualidade sempre exercín o papel de coordinador, dedicándolle moita entrega, moito tempo e non poucas doses de paciencia.
Desde o inicio puxemos en marcha moitas e diferentes actividades. Desde as citadas primeiras xornadas de educación para a paz en xaneiro de 1984 en Vigo, os primeiros artigos, o primeiro monográfico nun suplemento de educación dun xornal en xaneiro de 1984 ("A Pizarra", Faro de Vigo), os primeiros cursos e conferencias, o primeiro libro en galego de educación para a paz -Educar para ama-la paz, A Coruña, Vía Láctea, 1986-, os primeiros encontros galegos e máis tarde galego-portugueses de educadores pola paz, as primeiras monografías, etc. Tamén introducimos en Galicia a celebración do Día Escolar pola Paz (30 de xaneiro), en 1983, hoxe xeneralizado nos centros educativos galegos. Participamos dun xeito central no fortalecemento do movemento de educadores pola paz no resto de España con moi diversas accións e desde diversas instancias e cargos. Na década dos noventa extendímos o noso traballo a Portugal e desde xaneiro do 2000 participamos moi activamente con grupos e colegas de diferentes países de América latina comprometidos coa educación para a paz e os dereitos humanos na meta común de cosntruír un espacio iberoamericano de educación para a paz.
Esta é unha breve historia de Educadores pola Paz. Unha historia que forma parte da miña vida máis xenuína, na que se misturan en idénticas proporcións a vertente persoal e a profesional, a intelectual coa afectiva. Unha historia na que me entreguei e entrego cun profundo amor, cheo de ilusións e esperanzas, con todas as enerxías posibles. Unha entrega na que, desde o seu comezo, se misturan os tres ámbitos de achegamento á paz da que nos falara Johan Galtung, pai da investigación para a paz: a investigación, a acción e a educación para a paz.
Pero, certamente, os que queirades saber algo máis desta historia non vos queda máis remedio que ler o libro "Educación e Paz I. 25 anos de Educadores pola Paz". Libro que será presentado no Tearo Caixanova o próximo 18 de abril xunto a un segundo, "Educación e paz II. Presente e futuro da construcción da paz", ambos editados por Edicións Xerais, no que participan 40 autores e autoras de moi diferentes disciplinas e países, pero todos eles cunha ampla e rigurosa obra e compromiso a prol da paz, a cidadanía democrática e os dereitos humanos.
Ademáis destes dous libros, a celebración dos 25 anos leva consigo un terceiro que completa a triloxía Educación e Paz: "Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz", escrito por poetas e narradores galegos con textos inéditos para o libro e co fondo común da cultura da paz. Libro que será presentado o 10 de decembro, Día Internacional dos Dereitos Humanos, como acto de peche das celebracións do 25 aniversario de Educadores pola Paz.
Finalmente dicir que este artigo sae a luz pública no mes de abril, no mes no que tradicionalmente celebramos os Encontros Galego-Portugueses de Educadores pola Paz. O mes no que celebramos dúas datas sobranceiras na historia da liberdade e da democracia en España e Portugal: o 14 de abril, proclamación da II República española, e o 25 de abril, inicio da revolución dos caraveis no país irmao. Por todo elo, para os que formamos parte do movemento galego-portugués de educadores pola paz o mes de abril é un mes moi especial, moi querido. É o mes da liberdade e da paz.

Xesús R. Jares


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 177
Ano 17, Abril 2008

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo