Página  >  Edições  >  N.º 146  >  Duzentos e vinte profesores no XVIII Encontro Galego-Portugués de Educadores Pola Paz

Duzentos e vinte profesores no XVIII Encontro Galego-Portugués de Educadores Pola Paz

Os días 15 ao 17 de abril tivo lugar en Setúbal o XVIII Encontro Galego e XI Galego-Portugués de educadores/as pola paz, organizado polo colectivo Educadores/as pola Paz de Nova Escola Galega, o Movimento dos Educadores para a Paz de Portugal (MEP) e, nesta ocasión, coa participación especial do Grupo de profesoras de Moita/Barreiro. Grupo este último que fixo un traballo organizativo espléndido, tal como foi valorado polos asistentes o domingo pola mañá na avaliación do Encontro.
Como é tradicional nesta convocatoria, o Encontro comezou cunha sesión de xogos cooperativos para facilitar o coñecemento, a comunicación e a distensión entre os asistentes. A sesión estivo dirixida por Belén Piñeiro e Xesús R. Jares. Depois desta sesión, tivo lugar unha espléndida conferencia do Catedrático de Socioloxía da Universidade de Alicante José María Tortosa, que falou sobre a ?A axenda hexemónica? da hiperpotencia dos Estados Unidos de América. Na mañá do sábado interviu o Reitor da Universidade de Lisboa, José Barata Moura, quen analisou de forma suxerente e didática a relación entre ?Educación e paz?.
No apartado de presentación de experiencias e materiais, é de destacar o grande número que se presentaron, oito concretamente. Sen dúbida é un aspecto moi positivo non só polo alto número de experiencias presentadas, senón tamén pola súa calidade tanto dos seus contidos como na forma das presentacións. En definitiva, as experiencias son sen dúbida un bó termómetro da situación do movemento galaico-portugués de educadores pola paz no seu ámbito do traballo didáctico, tanto no ámbito formal como non formal. Neste sentido podemos dicir que constituen un elemento de esperanza.
Pola tarde os asistentes distribuironse entre os seis talleres que se ofertaron: ?Danzas do mundo?, impartido por Paulo Ferreira Rodrigues; ?Os xogos cooperativos na criazón de grupo?, por Xesús R. Jares; ?Sons para a Paz (Propostas para uma exploração didáctica em torno da Paz, nos seus aspectos rítmico, vocal e melódico)?, por Francisco Faraldo; ?O sicodrama, unha ponte entre culturas?, por Augusto Suárez Gómez; ?Animar a palavra com sombras chinesas?, por Eurídice Rocha e ?Todos somos da cor do arco iris. Estratexias antirracistas?, por Martín Rodríguez Rojo. Todos os obradoiros foron moi ben valorados e a única dúbida que se planteou, novamente, é se merece  a pena subdividir o tempo das catro horas para que os asistentes poidan facer dous obradoiros de dúas horas cada un en lugar de un só de catro horas.
Como é tradicional, a noite do sábado estivo reservada para a famosa Festa pola paz, todo un exemplo práctico de cómo divertirse cun ocio participativo, educativo e non consumista, a través das cantigas, as danzas do mundo, os xogos cooperativos, etc. É sen dúbida un momento importante dos Encontros, convencidos do papel educativo da risa, o humor, o xogo, etc., ademáis dun momento de aprendizaxe intercultural a través da aprendizaxe das danzas do mundo, as cantigas de diferentes países, etc.
O Encontro pechouse o domingo pola mañá coa celebración da Asamblea anual e a eleición da primeira Xunta direitiva da Asociación Galaico-Portuguesa de educación para a paz (AGAPPAZ), creada no Encontro anterior. En relación ao primeiro, depois de máis de doce anos traballando conxuntamente, as educadoras e educadores de ambas beiras do Miño institucionalizamos estes contatos con creación desta nova Asociación que, sen dúbida, servirá para difundir con maior eficacia os obxectivos da educación para a paz en particular e da cultura de paz en xeral. A primeira Xunta Direitiva quedou composta por doce persoas. Pola parte portuguesa, Helena Proença, Teresa Mª Rodrígues Ferreira, Américo Nunes Peres, Mª Emilia Correia Moreira, Isabel Lima e Mª Virginia Rodrígues. Pola parte galega, Santiago Rodríguez Sánchez, Mª Luisa Gamallo Bouzo, Mª Carmen Loureiro López, Bernardo Carpente, Noa Caamaño Sánchez e Xesús R. Jares.
En relación á asamblea avaliadora, destacouse o alto nivel dos ponentes, tanto das conferencias como dos obradoiros e das experiencias presentadas. Tamén, como xa sinalei, a boa organización. Pero, un ano máis, e isto é algo que felizmente se repite ano tras ano, o que realmente se destaca por enriba de todo é o ambiente que se vive, o ser realmente un Encontro no que as persoas nos atopamos. Como se dixo por varios dos asistentes, ?aquí se vive a paz?, ?compartilhar moita ilusión?, ?muita energia positiva?, ?troca de experiências, de saberes, e energias positivas e de muita loucura saudável?, ?a certeza de que podemos construir un mundo mellor. Imos plenos dunha enfermidade contaxiosa e vírica: o entusiasmo e o amor pola vida e por facer instantes únicos que transpasan o tempo?, ?vivir aquí momentos de grande alegria e emoción?, ?alegria e confiança para continuar a ser profesor con muito amor e esperança de un novo mundo?.
Até a próxima convocatoria que será os días 18-20 de Novembro deste ano de 2005.


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 146
Ano 14, Junho 2005

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo