Página  >  Edições  >  N.º 148  >  A educación para a cidadanía no currículum

A educación para a cidadanía no currículum

Educar desde e para a cidadanía é unha necesidade difícilmente cuestionable, tanto desde consideracións éticas, sociais e políticas, como específicamente educativas. Entre estas últimas, non podemos obviar as dificultades que se están a producir nos centros educativos en canto a súa organización democrática, na que o claro retroceso da participación revelase como un dos seus indicadores máis elocuentes e preocupantes. Tampouco podemos perder de vista os déficits de formación en dereitos humanos, tanto no profesorado como no alumnado, detectados en diversas investigacións. 
Polo dito, desde unha óptica de responsabilidade e compromiso coa democracia, a educación para a cidadanía debería ser considerada como unha cuestión de estado. Por elo, non podemos por menos que celebrar a proposta novidosa que ten feito o Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) español de introducir no currículum do Ensino Primario, Secundario e Bacharelato a nova asignatura denominada Educación para a cidadanía. Asignatura que, na nosa opinión, tería que ser impartida no último ciclo da Primaria, en todos os cursos da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), ciclo 12-16 anos, e nos dois cursos do Bacharelato. En calquera caso, a súa inclusión no currículum ten que facerse coas maiores garantías. Nin pode ser unha maría, asignatura sen valor, nin ser utilizada como subterfuxio para completar horario, nin como alternativa a ningunha outra materia, como en outras épocas ocurría coa relixión.
Na dirección exposta, catro son as cuestións básicas que deberían ser abordadas con urxencia. A primeira ten que ver co propio proceso de deseño de dita asignatura. O MEC debería aclarar cómo e quén vai definir o seu currículum, así como a súa secuenciación para as tres etapas educativas nas que se contempla. Neste sentido, propomos que o MEC promova a criación do Comité Estatal de educación para a ciudadanía democrática e os dereitos humanos, de carácter consultivo e de asesoramento á Ministra de educación, formado por expertos, centros universitarios e ONGs adicados a esta temática. É unha das propostas que contén o Plan de acción internacional do Decenio das Nacións Unidas para a educación na esfera dos dereitos humanos 1995-2004, e que, tal como ten denunciado Amnistía Internacional no seu informe Educación en derechos humanos: asignatura suspensa (Madrid, 2003), o anterior goberno español non cumpliu nenguha das recomendacións concretas que se propuñan en dito Plan. Ademáis das funcións de asesoramento, este Comité pode cumplir un importante papel de impulso e avaliación da situación e necesidades da Educación para a cidadanía en anos sucesivos.
A segunda cuestión refírese aos obxectivos e contidos. A análise da convivencia e das relacións interpersoanis no ámbito do centro e o seu entorno, constitue un ponto de partida e un criterio metodolóxico fundamental. A partir de aquí, temos que interrogarnos sobre a comprensión do estado de dereito, o que nos conduce a un tercer ámbito nuclear: a comprensión do fecundo e plural proceso dos dereitos humanos, sen dúbida o elemento central sobre o que debe construirse a nova asignatura nos seus catro ámbitos de acercamento: moral, histórico, político e xurídico. Además do expresado, hai dous fenómenos sociais que debemos contemplar como contidos igualmente importantes. Por unha banda, o crecente proceso inmigratorio, tanto en España como en Portugal, que implican, fundamentalmente, contemplar o currículum desde a dimensión intercultural, moi particularmente no que atinxe ás estratexias educativas antirracistas, e, por outra, o proceso de construcción europea, sen que elo supoña caer en ningún tipo de eurocentrismo. A nonviolencia e a solidariedade deben ocupar, igualmente, espacios centrais.
A terceira cuestión está ligada aos criterios metodolóxicos, aspecto ao que xa nos temos referido nestas mesmas páxinas. A experiencia ensina que a información é necesaria pero non suficiente. Necesitamos un profesorado que crea e viva os valores nos que se pretende educar, e que, ao mesmo tempo, domine determinadas estratexias didácticas de carácter participativo, dialóxicas e socioafectivas. 
A cuarta cuestión a abordar refirese ao capítulo das medidas de apoio que precisa a implantación da nova asignatura. Ademáis das recomendacións sinaladas, non podemos deixar de resaltar a necesidade de diseñar e executar un plan global de educación para a cidadanía, no que a formación do profesorado e o deseño dunha política de apoio ás experiencias e materiais innovadores deben ter prioridade e presuposto económico. Outras dúas medidas de apoio teñen que ver coa profundización da transversalidade e o uso das titorías. Estamos firmemente persuadidos de que o obxectivo xenérico de formar unha cidadanía crítica e responsable non se vai conseguir únicamente cunha nova asignatura. Dito con outras palabras, apoiar esta asignatura non é incompatible nin debe significar eliminar ou relegar a idea da transversalidade, a pesar das múltiples dificultades para levala á práctica.
Por último, non podemos esquecer que estamos no ?Ano europeo da cidadanía a través da educación?, proclamado polo Consello de Ministros do Consello de Europa. Sen dúbida, debe ser un ponto de partida para lanzar propostas, políticas e investigacións a favor da educación para a cidadanía e os dereitos humanos. Agardamos que, tanto o Ministerio de Educación español como o portugués cumplan coas expectativas e as medidas propostas para facer viable esta dimensión educativa, tan esencial para a democracia como para o futuro de Europa.


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 148
Ano 14, Agosto/Setembro 2005

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo