Página  >  Edições  >  N.º 123  >  A Escola pública galega precisa de maior iniciativa

A Escola pública galega precisa de maior iniciativa

Este curso escolar estivo marcado en Galicia e no conxunto de España pola aprobación da Lei da Calidade de Educación, promovida polo goberno español, aprobada no pasado mes de decembro e que polarizou boa parte da actividade profesional e sindical. O Partido Popular pretende con esta lei recuperar parte do ideario educativo da dereita política, ó entender esta formación política que durante anos o que se produciu na educación foi unha perda progresiva de autoridade, da autoridade da escola, do profesor e do propio sistema educativo. Este discurso rancio, con perfís autoritarios, para nada contou co debate e a participación da comunidade educativa, senón que simplemente serviu para artellar unha serie de medidas profundamente retrógradas sen consistencia conceptual algunha. A segregación do alumnado no ensino obrigatorio, a devaluación da participación dentro dos centros educativos, a modificación dos currícula foron a esencia desta reforma reaccionaria, barnizada cun discurso complaciente cara ó profesorado e totalmente vacío de contido.
Esta circunstancia provocou múltiples mobilizacións no sector educativo: pronunciamentos, concentracións, manifestacións e mesmo unha folga no sector educativo en España, no mes de novembro. A presión foi dirixida contra o goberno español, pero a propia Consellería de Educación de Galicia ?con amplas competencias en materia educativa- permaneceu dócil e sumisa ás directrices do Ministerio de Educación.

As negociacións comprometidas

Fóra do que foi a contestación á Lei de Calidade, as reivindicacións que en Galicia formulamos á Consellería de Educación centráronse na necesidade de comezar as negociacións en materia de cadros de persoal do ensino infantil e primario. O descenso demográfico e as novas demandas formativas e asistenciais veñen aconsellando unha revisión dos modelos de cadros de persoal. No segundo trimestre deste curso escolar conseguimos abrir esta negociación, estando nestes momentos a punto de se pechar.
Tamén imos dar comezo ás negociacións sobre as retribucións do profesorado do ensino público, pois desde a ano 1990 non se ten producido avance algún. A profunda descentralización política e administrativa operada en España nas dúas últimas décadas, provoca que haxa profesorado do mesmo nivel educativo e coa mesma categoría profesional que perciba uns salarios distintos, según a comunidade autónoma onde traballa. Esta é a razón de que os docentes de Galicia estiveramos nestes momentos por baixo da media de retribucións estatal, feito este recoñecido pola propia Consellería de Educación.
Outra das cuestións que sacamos a colación como elemento de crítica refírese á formación profesional. Na actualidade estanse dando pasos notables na modernización e na coordinación da formación profesional, da formación regrada impartida nos institutos de secundaria, da formación continua organizada por empresarios e sindicatos e da formación ocupacional para desempregados levada a cabo polas administracións de asuntos sociais e traballo. Mesmo se aprobou unha Lei de Formación Profesional e se suscribiu un Plan Galego moi ambicioso, con orzamento suficiente. A paradoxa nestes momentos é que a xestión da Consellería esta a provocar que non se perciban nos institutos de formación profesional estas melloras, con serios déficits en canto á planificación da oferta formativa de familias profesionais.

Servicios complementarios

Noutras materias, a federación do ensino de CC OO considera que a Consellería de Educación e a propia Xunta de Galicia han de abordar con urxencia medidas en canto a servicios complementarios e transporte escolar. Os autobuses escolares, moi numerosos en Galicia pola súa dispersión xeográfica, precisan de persoal de acompañamento ó alumnado, para mellorar a seguridade e gañar en atención. Esta é unha promesa do goberno galego aínda pendente de concreción. En canto ós servicios complementarios, consideramos que se han de incrementar os orzamentos para comedores escolares e actividades extraescolares que se imparten nos propios centros educativos. O financiamento destas actividades corren por conta case exclusiva dos pais e nais, co que se están a dar novas formas de discriminación no alumnado.
Para rematar significamos que o presente curso escolar está a ter un desenvolvemento moi alterado, polas circunstancias sociais e políticas destes últimos tempos. O embarrancamento do petroleiro ?Prestige?, a incardinación de España na guerra de Iraq e a pésima xestión dos goberno galego e español están a provocar unha forte contestación no sector educativo, así como no conxunto da sociedade.

Texto colectivo da Federação de Ensino
das Comisiones Obreras (CC OO) da Galiza

  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 123
Ano 12, Maio 2003

Autoria:

Federação deEnsino das Comissiones Obreras (CC OO) da Galiza

Federação deEnsino das Comissiones Obreras (CC OO) da Galiza

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo