Página  >  Edições  >  N.º 162  >  A violencia escolar nos medios: entender para actuar

A violencia escolar nos medios: entender para actuar
A violencia escolar está a ocupar cada vez máis espazo e relevancia nos medios de comunicación. É a ventaxa que ten a violencia sobre outros procesos sociais: sexa cal sexa o seu móvil ou o seu escenario, sempre é noticiable e ocupa primeiras portadas. Non ocurre así coas práticas non violentas que son maioría na sociedade en xeral e nos centros educativos en particular. Sabedores desta situación e dada a importancia dos medios na conformación de expectativas e percepcións, ¿qué conclusións podemos extraer do tratamento informativo das noticias das últimas semanas sobre a violencia nos centros educativos?
En primeiro lugar, apreciamos dous feitos positivos. Por unha parte, observamos como en moitas noticias comeza a distinguirse entre indisciplina e violencia. É unha das diferencias sobre as que vimos insistindo nos últimos anos e que, been por desinformación ou ben interesadamente, se pretenden mezclar meténdoas no mesmo saco como se fosen a mesma cousa. Neste sentido, as investigacións que diriximos en Galicia e Canarias sobre conflictividade e convivencia nos centros educativos de Secundaria, e ás que me refiro no Capítulo II do meu último libro "Pedagogía de la convivencia" (Graó, Barcelona), así como outras investigacións, proban como ol problema realmente importante co que nos atopamos nos centros educativos é o da indisciplina e non tanto o da violencia, que, aínda que existe, dase en moita menor frecuencia. Por outra parte, o eco da violencia escolar nos medios de comunicación, aínda que en moitos casos estase a facer de xeito sensacionalista, está a axudar a tomar conciencia do problema, o que lóxicamente repercutirá en que se lle preste máis atención e con elo acadar maior sensibilización.
En segundo lugar, constatamos un paulatino aumento da violencia sufrida polo profesorado, ben por parte de estudantes ou dos seus pais. En rigor este feito non é novidoso pero si o é a súa frecuencia no tempo e a súa exposición pública nos medios. Mesmo distintas canales televisivas non tiveron reparo algún en transmitir unha das agresións a un profesor dun IES da provincia de Alicante grabada cun móbil por unha estudante. Grabación que valoro moi preocupante polo que supón de mostra perigosa da aprendizaxe da banalización da violencia en determinados sectores sociais. Outro bó exemplo recente desta banalización da violencia é o caso das rapazas que agrederon a unha amiga de 1º da ESO en Ponferrada. Como sinalou a agredida: "Me pegaron porque no tenían a quién vacilar".
En terceiro lugar, comeza a reflexarse unha certa contestación por parte de sectores do profesorado á forma sensacionalista de seren presentadas as noticias. Así, tal como recollían algúns medios, a Federación Española de Directores de Instituto (Fedadi), por voca do seu presidente José Antonio Martínez, amosaba a súa preocupación polo tratamento que os medios estan a dar aos problemas de convivencia escolar, magnificando e convertendo en habitual o que só é ocasional, e, por outra, creando un modelo negativo fácilmente imitable polos adolescentes. Visión sensacionalista, inexacta e negativa á que tamén contribuen os pronunciamentos de certos sindicatos do profesorado e estudios de moi dubidosa credibilidade que presentan unha imaxe xeneralizada de violencia nos centros, moi particularmente a un profesorado sometido a todo tipo de vexacións e como vítima principal da violencia escolar. Algo totalmente inexacto e inxusto. Todas as investigación que coñezo, tamén as dúas que dirixin en Galicia e en Canarias, proban que o maior grao de violencia se produce, con gran diferencia, entre os propios rapaces.
En cuarto lugar, veñen aparecendo diferentes informacións que dan conta de manifestacións de repulsa contra da violencia. Manifestacións que na súa pratica totalidade teñen lugar en localidades onde se produciron agresións ao profesorado, e nas que tamén participaron o alumnado e nais e pais. Sen dúbida alguha non cabe outra posición que calificar como moi meritorios este tipo de actos e que debemos incentivar, pero tamén gostaríamos de velos cando se coñecen casos de acoso entre estudantes. A violencia nen debe ser silenciada nen debe quedar impune, con independencia de quen a sufra. Moi polo contrario, ademáis do seu rexeitamento, debemos praticar unha solidariedade activa coas vítimas, como a que teñen que recibir todas as vítimas da violencia.
Sobre o silenciamento de actos de violencia escolar resultoume especialmente significativo o caso da agresión sufrida por dúas profesoras nun colexio de Primaria de Elx por parte dunha nai que xa tiña agredido anteriormente a outras docentes que, sen embargo, non denunciaron o caso. Son dous aspectos da mesma noticia claramente negativos, aínda que, sen dúbida, un moito máis negativo que o outro. Descoñezo as razóns das docentes que foran agredidas anteriormente e non fixeron a denuncia. Tal vez as razóns poidan ter que ver coas esgrimidas por un colega meu de Secundaria cando nunha ocasión, na súa xa longa experiencia profisional, sufriu a violencia, neste caso dun pai, e sen embargo preferiu ocultala por temor a ver manchada a súa autoestima profisional e moi especialmente a do propio centro. Os mecanismos de autonegación do violentado están ben estudiados noutros ámbitos de violencia interpersoal; en relación ao centro, habitualmente a autoestima se perde cando se tolera a violencia, non cando se enfronta. Non podemos ceder un ápice diante da violencia; os centros educativos deben continuar a ser espacios seguros e de aprendizaxe da convivencia. Afirmación que ten consecuencias non só educativas, senón tamén policiais e xudiciais.
En quinto lugar, varias das noticias fanse eco da reclamación ás autoridades educativas de medidas contra a indisciplina e a violencia por parte do profesorado. Medidas que van desde a solicitude de multiplicar as medidas de atención á diversidade, a posta en marcha de planes de convivencia en todos os centros educativos co apoio das administracións, unha normativa disciplinaria áxil, a implicación das familias ou a incorporación aos centros de novos profisionais como educadores e traballadores sociais. Medidas que na nosa opinión deberían estar integradas nun plan global de convivencia, reclamación que vimos facendo desde hai bastantes anos diferentes persoas e organizacións, que contemple os diferentes ámbitos e sectores, e ao que se destinen os recursos suficientes para garantir a súa viabilidade. Pero, non olvidemos que, ademáis da iniciativa institucional, compre a participación de todos os sectores da comunidade educativa e as súas diferentes organizacións, sindicatos, etc., así como os medios de comunicación, entidades cívicas, etc., para cegar a un pacto educativo pola convivencia no que se implique o conxunto da sociedade.

  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 162
Ano 15, Dezembro 2006

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo