Página  >  Edições  >  N.º 153  >  Unha lei para o fomento da educación e a cultura da Paz

Unha lei para o fomento da educación e a cultura da Paz

? está suficientemente probado na investigación pedagóxica que sen o apoio doutras medidas, a educación por si mesma non pode transformar a sociedade.

O pasado día un de decembro publicouse no Boletín Oficial del Estado (BOE) a lei 27/2005 de 30 de novembro, de fomento da educación e a cultura da paz. Ademáis de ser un fito histórico de indubidable valor, constitúe unha nova de gran calado para toda a sociedade, o goberno de España e, por suposto, para as persoas que traballamos, investigamos e educamos para a paz. A idea fundamental da lei concrétase no compromiso do goberno en promover a paz e a cultura da paz a través da educación e a investigación. Agora ben, dende a exposición de motivos recoñécese e enfatízase ?o papel absolutamente decisivo que xoga a educación como motor de evolución dunha sociedade? que logo se concreta no articulado coa promoción dos valores da paz en todas as asignaturas e a creación de asignaturas específicas sobre educación para a paz e os valores democráticos (artigo 2.1). Non serei quen de custionar o papel da educación nos procesos de cambio, pero está suficientemente probado na investigación pedagóxica que sen o apoio doutras medidas, a educación por si mesma non pode transformar a sociedade. O seu papel é absolutamente prioritario e imprescindible, pero non determinante nin exclusivo. Dito doutro xeito, a educación é condición necesaria pero non suficiente. E esta circunstancia é, sen dúbida, a deficiencia de partida que, xunto a determinadas inconcrecións,  que sinalaremos máis adiante, empañan en certo modo as virtualidades que a nova lei ten. Virtualidades e oportunidade polos tempos difíciles que estamos a vivir de neoliberalismo implacable, terrorismos e guerras preventivas, que están a producir un retroceso dos dreitos humanos.
Consideracións semellantes podemos realizar  en relación ao papel que se lle otorga á investigación para a paz. Ésta, como a educación, é unha actividade que nin quere nin pode estar á marxe dos procesos económicos, sociais, políticos e culturais que inciden, crean e transforman unha sociedade determinada. Por iso falar da investigación para a paz, e de certos procedementos como o diálogo para implantar a cultura de paz, sen outro tipo de consideracións ou referencias, non só é un erro científico senon que tamén conduce á investigación para a paz a unha especie de calexón sen saída. Sorprende, pois, que non se faga ningunha referencia nin á política nin á economía, como ámbitos igualmente imprescindibles para construir sociedades de paz, como tampouco ao papel destacado que teñen os medios de comunicación e os procesos sociais de convivencia, en boa medida condicionados polos factores que acabamos de sinalar. Un problema tan complexo e con ramificacións de tan diferente natureza, como é a construcción de sociedades pacíficas, xustas e non violentas, non pode quedar restrinxido a dúas variables, a investigación e a educación, por moi importantes que sexan.
Neste senso, non podemos ocultar as diferenzas conceptuais da lei que comentamos coa Ley 21/2003, de 4 de xullo, de foment de la pau, aprobada polo parlamento catalán o 25 de xuño de 2003, que sitúa o fomento da paz en cinco ámbitos complementarios: os dereitos humanos e as liberdades individuais e colectivas; a convivencia cidadana, a promoción do diálogo e a solución pacífica dos conflictos; o ensino e a educación para a paz; os medios de comunicación social e, en quinto lugar, o fomento do desarme global. Curiosamente nesta lei non se enfatiza o papel da investigación para a paz, se ben fanse referencias á mesma no artigo catro, cando se sinala que a administración da Generalitat promoverá convenios con investigadores e expertos de mundo para traballar no deseño e nas liñas de actuación para o fomento da paz, e na disposición adicional segunda que establece o compromiso de crear o Instituto Internacional de la Pau.
Ademais, a nova lei presenta dúas deficiencias notables e varias inconcrecións. En relación ás primeiras, saliento a ausencia de referencias para crear infraestructura de investigación, aspecto que sí contempla a lei catalana co citado Instituto Internacional de la Pau (aínda que parece razonable pensar que non esgotará todos os ámbitos de investigación), e a inexistencia de canles de participación social, tamén contemplado na devandita lei catalana coa creación do Consell catalá de foment de la Pau. Aspecto que nos parece moi importante para a apoderar á sociedade civil no compromiso pola paz. En relación ás segundas, as inconcrecións, ao non precisar determinados aspectos que recolle a lei, consieramos que resulta imprescindible desenvolver un proceso normativo no que se concreten aspectos como: as formas de colaboración coas comunidades autónomas, os organismos internacionais e as entidades significativas no ámbito da paz, artigo 1.3; ?os mecanismos de consula periódica coa sociedade civil e a vencellada e asociada cos movementos da paz?, artigo 2.9; a promoción de institutos universitarios especializados, artigo 2.5; o deseño e avaliación do curriculum de todo o sitema educativo en relación á súa coherencia cos valores propios duna cultura de paz, artigo 2.1; a adhesión á Axenda de A Haia, disposición transitoria única; etc. Igualmente teñen que definirse aspectos básicos como ?as axudas para a realización de estudios e investigacións en materia de paz?, artígo 3, ou a periodicidade coa que o ?Goberno informará ás Cortes Xerais das actuacións realizadas en materia da cultura de paz?, disposición adicional primira.
Por último, se ben a lei 27/2005 que estamos a comentar se circunscribe ao fomento da cultura da paz en España dende a investigación e a educación, o artígo 1.1 enmárcase nun campo nidiamente político das relacións internacionais:  ?España resolverá as súas controversias internacionais de conformidade coa carta das Nacións Unidas e os demáis instrumentos internacionais dos que é parte, colaborando no fortalecemento da Paz e a Seguridade Internacional, a Cooperación e os Dereitos Humanos?. Sen dúbida un artigo de gran calado político que lexisla en España o que xa nos afectaba por ser membro das Nacións Unidas ? rexeitamento da guerra, a ameaza e o emprego da forza como formas de resolver as controversias internacionais, que deberán facerse con medios pacíficos e sen poñer en perigo a paz, a seguridade internacional e a xustiza, artigo 2º da Carta das Nacións Unidas-, pero que ven cubrir un baleiro xurídico no noso país. En efecto, na Constitución somente se fai unha referencia no Preámbulo cando se sinala que a nación española colaborará ?no fortalecemento dunhas relacións pacíficas e de eficaz cooperación entre todos os pobos da Terra?.
En definitiva, unha lei importante e oportuna que debemos celebrar, pero que require, como temos sinalado, dun desenvolvemento normativo para subsanar a excesiva ambigüidade coa que nasceu.     
Pola súa importancia, e atendendo ao novo ciclo político, o colectivo EDUCADORES POLA PAZ de NOVA ESCOLA GALEGA e a ASOCIACIÓN GALEGO-PORTUGUESA DE EDUCACIÓN PARA A PAZ, presentaron o pasado 15 de decembro aos tres grupos parlamentarios do Parlamento galego unha proposta de fomento da paz e a cultura de paz para o ámbito galego. Agardemos que en breve se poida iniciar o seu trámite parlamentario e pronto teñamos unha lei galega de fomento da paz e a cultura da paz. Sería unha boa forma aportación do noso Parlamento ao ?Decenio Internacional dunha culura da paz e a non violencia para os nenos do mundo (2001-2010)?, no que estamos inmersos.


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 153
Ano 15, Fevereiro 2006

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo