Página  >  Edições  >  N.º 124  >  A destruición da escola pública

A destruición da escola pública

ENSINO PÚBLICO

VOLTAN AS VELHAS LINGUAXES DA MAN DE VELHAS MEDIDAS QUE TRATAM DE CRIAR MILLORES CONDICIÓNS PARA GARANTIR O ÉXITO DAS POLÍTICAS CONSERVADORAS E NEOLIBERAIS. OS GOVERNOS ESTAN A DESMANTELAR TODAS AS REDES QUE SUSTENTAN O ESTADO DO BENESTAR. AS CONTRA-REGULACIÓNS DO MERCADO LABORAL, DA SEGURIDADE SOCIAL, DA SANIDADE E DO SISTEMA EDUCATIVO A QUE ESTAMOS ASSISTINDO SON CONSECUÉNCIA DAS REESTRUCTURACIÓNS QUE PRECISAN OS MERCADOS NEOLIBERAIS.

A contra-reforma de educación aprovada polo Governo Español ven a reforzar a dualización. Cada clase social educará-se en espazos específicos. E non só iso, senón que se lexitiman tamén os coléxios segregados por razón de xénero, masculinos e femininos. Algo que atenta contra os vixentes princípios constitucionais.
Con medidas segregadoras como os itinerários, os grupos de reforzo, os programas de iniciación profisional, os programas de "Lengua y Cultura española" sentan-se as bases para converter os centros [escolas] públicos en guetos. Pola contra, os centros concertados e privados acabarán por se converter en clubes, na medida en que os proprietários e quenes constituen os seus consellos escolares deseñan medidas mirando exclusivamente polo seu próprio benefício, sen tomar en consideración os intereses de outros colectivos sociais máis desfavorecidos e con menores posibilidades de facer pública a su voz. Un clube privado busca benefícios privados e, asemade, sirve para salientar un estatus social diferenciado aos seus membros.
Con a nova Lei de Calidade da Educación atacan-se claramente os grandes fins do ensino como servizo público, xa que a instituición escolar deve ser un lugar de convivéncia, non de segregación; dinamíta-se o aprender a vivir xuntos. Non esquezamos que a ensinanza pública pon o énfase e garante un proxecto educativo democrático para toda a cidadanía, sen exclusións, decidido co concurso de todas as persoas que integran a comunidade educativa. Os centros públicos son o millor lugar para as políticas de recoñecimento e un espazo privilexiado para contribuir ás políticas de redistribuición. Na medida en que se promoven medidas para facilitar ainda mais a concertación de centros privados, cortacircuita-se o proxecto político ilustrado no que se apoia a defensa do ensino público.
Estamos diante dun novo marco lexislativo destinado a restaurar un maior centralismo e controle da Administración sobre os centros escolares através, principalmente, de sete medidas:

  1. A imposición dos conteúdos obrigatorios a traballar en todas as matérias e níveis educativos.
  2. A imposición do Sistema Estatal de Indicadores da Educación.
  3. As reválidas.
  4. A eleición de Directores dos Centros de ensino.
  5. O recorte das posibilidades de participación do profesorado, do alumnado, das suas familias e demais colectivos sociais na vida dos centros.
  6. A Inspección da Comunidade Autónoma.
  7. A Alta Inspección do Estado.

Estamos diante dunha Lei que mais que tentar combatir o fracaso escolar pretende acelerar unha maior privatización e desgaleguización do sistema educativo.
Para sacar adiante este proxecto o Ministério tratou de non incurrir en algúns dos defectos nos que caira no trámite da LOU; cando se adicou a culpar ao profesorado de corporativista e de egoísta, pondo asimesmo en cuestión, a sua capacitación profisional. Agora, para tratar de impedir a movilización política e social do profesorado o Ministerio de Educación só apresentou un único culpable: o alumnado, ao que acusa de carecer dunha cultura do esforzo. Curiosamente omíten-se as responsabilidades da Administración, das Faculdades de Educación e do próprio profesorado.
No fondo, este tipo de medidas son tamén unha das consecuéncias dun Estado que se voltou indiferente diante das necesidades dos grupos sociais mais desfavorecidos, adicándo-se, pola contra, a facilitar ainda máis as cousas ás grandes empresas multinacionais na sua aposta polo neoliberalismo. A saída política pola que se aposta para solventar o fracaso escolar é a de segregar e eliminar do sistema educativo aos estudantes dos grupos sociais mais desfavorecidos. O mesmo que as medidas de "toleráncia cero" destinadas a aplicar só a represón policial sobre os colectivos desfavorecidos, co conseguinte efecto de "criminalizar a pobreza", agora en educación tamén se culpa ao alumnado, exclusivamente, sen chegar a cuestionar as dimensións estructurais que explican a desmotivación dun sector importante do alumnado. Ou sexa, o Ministério opta tamén pola "toleráncia cero" para marxinar e segregar aos estudantes dos grupos sociais máis desfavorecidos.

Bibliografía:
TORRES SANTOMÉ, Jurjo (2001). Educación en tiempos de Neoliberalismo. Madrid. Morata.

  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 124
Ano 12, Junho 2003

Autoria:

Jurjo Torres Santomé
Universidade da Corunha, Galiza/Espanha
Jurjo Torres Santomé
Universidade da Corunha, Galiza/Espanha

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo