Este curso escolar estivo marcado en Galicia e no conxunto de España pola aprobación da Lei da Calidade de Educación, promovida polo goberno español, aprobada no pasado mes de decembro e que polarizou boa parte da actividade profesional e sindical. O Partido Popular pretende con esta lei recuperar parte do ideario educativo da dereita política, ó entender esta formación política que durante anos o que se produciu na educación foi unha perda progresiva de autoridade, da autoridade da escola, do profesor e do propio sistema educativo. Este discurso rancio, con perfís autoritarios, para nada contou co debate e a participación da comunidade educativa, senón que simplemente serviu para artellar unha serie de medidas profundamente retrógradas sen consistencia conceptual algunha. A segregación do alumnado no ensino obrigatorio, a devaluación da participación dentro dos centros educativos, a modificación dos currícula foron a esencia desta reforma reaccionaria, barnizada cun discurso complaciente cara ó profesorado e totalmente vacío de contido. Esta circunstancia provocou múltiples mobilizacións no sector educativo: pronunciamentos, concentracións, manifestacións e mesmo unha folga no sector educativo en España, no mes de novembro. A presión foi dirixida contra o goberno español, pero a propia Consellería de Educación de Galicia ?con amplas competencias en materia educativa- permaneceu dócil e sumisa ás directrices do Ministerio de Educación.
As negociacións comprometidas
Fóra do que foi a contestación á Lei de Calidade, as reivindicacións que en Galicia formulamos á Consellería de Educación centráronse na necesidade de comezar as negociacións en materia de cadros de persoal do ensino infantil e primario. O descenso demográfico e as novas demandas formativas e asistenciais veñen aconsellando unha revisión dos modelos de cadros de persoal. No segundo trimestre deste curso escolar conseguimos abrir esta negociación, estando nestes momentos a punto de se pechar. Tamén imos dar comezo ás negociacións sobre as retribucións do profesorado do ensino público, pois desde a ano 1990 non se ten producido avance algún. A profunda descentralización política e administrativa operada en España nas dúas últimas décadas, provoca que haxa profesorado do mesmo nivel educativo e coa mesma categoría profesional que perciba uns salarios distintos, según a comunidade autónoma onde traballa. Esta é a razón de que os docentes de Galicia estiveramos nestes momentos por baixo da media de retribucións estatal, feito este recoñecido pola propia Consellería de Educación. Outra das cuestións que sacamos a colación como elemento de crítica refírese á formación profesional. Na actualidade estanse dando pasos notables na modernización e na coordinación da formación profesional, da formación regrada impartida nos institutos de secundaria, da formación continua organizada por empresarios e sindicatos e da formación ocupacional para desempregados levada a cabo polas administracións de asuntos sociais e traballo. Mesmo se aprobou unha Lei de Formación Profesional e se suscribiu un Plan Galego moi ambicioso, con orzamento suficiente. A paradoxa nestes momentos é que a xestión da Consellería esta a provocar que non se perciban nos institutos de formación profesional estas melloras, con serios déficits en canto á planificación da oferta formativa de familias profesionais.
Servicios complementarios
Noutras materias, a federación do ensino de CC OO considera que a Consellería de Educación e a propia Xunta de Galicia han de abordar con urxencia medidas en canto a servicios complementarios e transporte escolar. Os autobuses escolares, moi numerosos en Galicia pola súa dispersión xeográfica, precisan de persoal de acompañamento ó alumnado, para mellorar a seguridade e gañar en atención. Esta é unha promesa do goberno galego aínda pendente de concreción. En canto ós servicios complementarios, consideramos que se han de incrementar os orzamentos para comedores escolares e actividades extraescolares que se imparten nos propios centros educativos. O financiamento destas actividades corren por conta case exclusiva dos pais e nais, co que se están a dar novas formas de discriminación no alumnado. Para rematar significamos que o presente curso escolar está a ter un desenvolvemento moi alterado, polas circunstancias sociais e políticas destes últimos tempos. O embarrancamento do petroleiro ?Prestige?, a incardinación de España na guerra de Iraq e a pésima xestión dos goberno galego e español están a provocar unha forte contestación no sector educativo, así como no conxunto da sociedade.
Texto colectivo da Federação de Ensino das Comisiones Obreras (CC OO) da Galiza
|