Página  >  Edições  >  N.º 118  >  ¿É posibel educar na verdade?

¿É posibel educar na verdade?

Estamos a vivir uns tempos nos que a manipulación e o control da información, de mentiras institucionalizadas, de simplismo no tratamento da realidade, de fomento da cultura da apariencia, da resignación, do conformismo, etc., forman parte do día a día da maior parte dos medios de comunicación. No plano político sucede o mesmo.

Fronte a este estado de cousas, que podemos facer os educadores e educadoras? Sen dúbida a tarefa non é fácil pero, en primeiro lugar, debemos lembrar que forma parte da natureza máis xenuina da nosa profisión a procura da verdade e o fomento da autonomía. Educar, entre outras cousas, significa descubrir e analisar as explicacións das cousas, significa entender os por qués  do mundo no que vivimos, significa dar posibilidades para que cada un atope as respostas ás dúbidas que todos temos.
Recoñecendo as dificultades e o carácter provisional e relativo da verdade, non é menos certo que hai determinados feitos, enunciados, realidades, etc., que podemos obxectivar como verdades, cando menos mentres non se atope ou demostre a falsedade das mismas. Se nos fixamos, por exemplo, nas políticas e relacións internacionais aprobadas tralos atentados do 11/09/2001 en Estados Unidos (guerra en Afganistán, guerra anunciada en Irak, recorte das liberdades e dereitos humanos en moitos países, aumento das inversións militares, etc.), vemos como se está a producir un xigantesco proceso de terxiversación da realidade e de deseducación para a paz e a cidadanía democrática. O profesorado, debería aproveitar ese acto terrorista para fomentar o rexeitamento da violencia e, sen caer en ningún tipo de antiamericanismo, explicar ao mesmo tempo a historia recente de EE.UU por ter utilizado e fomentado políticas e prácticas igualmente condenables que podemos encadrar na categoría de terrorismo de estado, tal como ven denunciando desde hai décadas Noam Chomsky. Neste sentido é pertinente a pregunta do teólogo da liberación español Jon Sobrino, ?¿qué ten feito ese país nos seus dous séculos de existencia para concitar tal odio?
A procura da verdade debe levarnos, pois, á análise histórica, dado que é un tipo de coñecemento indispensable para poder comprender os problemas actuais, situarnos con mellores posibilidades diante do discernimento da verdade e mesmo para poder planificar o futuro con mellores garantías. A análise histórica debe ter tamén un carácter preventivo para evitar as situacións de inxustiza no presente e no futuro. Como ten sinalado Claudio Magris en relación aos totalitarismos, a defensa da memoria histórica é unha das resistencias fronte aos mesmos. Nunha línea semellante pronunciouse Luis Rojas Marcos no seu libro sobre o 11 de setembro cando afirma, ?a Historia é o mellor antídoto da visión sesgada do presente?.
A procura da verdade debe cuestionar igualmente os fundamentalismos de todo tipo, dado que negan a reflexión e o exame crítico, a autocrítica e a crítica (rocesos inherentes a unha auténtica educación). Por elo a búsqueda da verdade é contraria aos fundamentalismos porque éstos asentanse no adoctrinamento mediante a imposición dunha verdade que non pode ser examinada e moito menos criticada. Pero o fundamentalismo non se da únicamente na cultura musulmana, tal como se está a presentar. A historia de Occidente está plagado de sucesos fundamentalistas todos eles con consecuencias tráxicas.
Desde o punto de vista didáctico a procura da verdade está enfrentada á imposición, ao autoritarismo e ao adoutrinamento. A procura da verdade implica unha proposta pedagóxica vertebrada desde o debate, o diálogo, a escoita activa, a comunicación empática, a indagación, a non discriminación e o respeito á autonomía das persoas. Por elo en rigor a búsqueda da verdade só se pode facer desde a democracia; cando o sistema pedagóxico e social non é democrático, condeamos ás personas a clandestinizar a procura da verdade. Por elo, dicimos que a procura da verdade ten que ver máis co método socrático de formular preguntas para que o alumnado atope as respostas que coa ?revelación?, sexa do tipo que sexa. Os docentes, de calquer nivel educativo, debemos provocar, pois, preguntas, unha e outra vez e ao longo de toda a vida.
En definitiva, educar desde e para a verdade é difícil nestes tempos de globalización neoliberal máis é necesario. É un principio ético-educativo que debemos priorizar. Como sinalaba Bertrand Russel en 1940: ?Eu non consideraría que un home poida ser un bó educador, a menos que teña adoptado a firme resolución de non ocultar nunca a verdade, ... En todo caso, dicir mentiras aos xoves, que non teñen meios para contrastar o que se lles di, é moralmente indefendibel? .


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 118
Ano 11, Dezembro 2002

Autoria:

Xavier Bonal
Universidade Autónoma de Barcelona
Xavier Bonal
Universidade Autónoma de Barcelona

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo