Página  >  Edições  >  N.º 172  >  Algo mais que unha asignatura

Algo mais que unha asignatura

EDUCAÇÃO PARA A CIDADANIA 

Coa aprobación da Lei Orgánica de Educación aparece por primeira vez en España unha nova asignatura en Primaria e Secundaria denominada Educación para a cidadanía e os dereitos humanos, ademais de reformular no Bacharelato unha Filosofía que agora pasa a denominarse Filosofía e cidadanía. Coa súa integración no currículum, o sistema educativo español quere acadar dúas demandas até o de agora non satisfeitas. Por unha banda, o que podemos denominar a demanda externa, incorporando as recomendacións de determinadas institucións europeas e das Nacións Unidas, que insisten na necesidade de integrar este tipo de coñecementos na formación dos futuros cidadáns, con independencia da orixe social, cultural, relixiosa ou ideolóxica das familias dos estudiantes. Por outra banda, coa nova asignatura preténdese levar a pratica o artigo 27.2 da nosa Constitución, que fai referencia ao obxecto que debe ter a educación: "o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais".
Sobre a necesidade da asignatura como materia obrigatoria non imos insistir aquí por telo feito nos últimos dous anos en diferentes publicacións. Só lembrar que a democracia necesita da educación para a cidadanía, e que o estado democrático non só está lexitimado senón que ten a obriga de acometer este tipo de formación para toda a poboación sen ningún tipo de excepción. Tampouco imos referirnos, pola mesma razón, ás críticas que dita asignatura levantou e levanta en sectores políticos conservadores, moi especialmente desde a Conferencia Episcopal Española. Do que se trata agora é de reflexionar sobre os pasos que debemos dar, tanto desde as administracións educativas como desde as Universidades e o conxunto da cidadanía para que a nova materia teña as maiores probabilidades de éxito.
Así, o primeiro paso que na nosa opinión debería darse é a formación do profesorado que vai asumir a nova materia. Neste sentido, as administracións educativas deberían establecer un plan institucional de formación do profesorado. Resulta realmente insólito que este plan non se teña deseñado nin posto en marcha, máxime cando sete comunidades autónomas xa estrearon este curso a nova asignatura. En Galicia a nova materia botará a andar no próximo curso 2008-09, polo que a Consellería de Educación aínda está a tempo de executar dito plan de formación no curso actual.
O segundo paso que debería acometer a administración educativa é o fomento da creación de materiais didáticos e a súa difusión nos centros educativos, ademais de difundir os xa existentes que cumpran cos requisitos de orixinalidade, adecuación pedagóxica e cos obxectivos e contidos do currículum legalmente establecido da nova disciplina.
En terceiro lugar, consideramos necesario a formación de asesores de educación para a cidadanía, especialmente nos Centros de formación do profesorado e na Inspección. Obxectivo contrastado na propia experiencia persoal na formación do profesorado pola escasez de profisionais formados neste ámbito.
En cuarto lugar, é igualmente importante que as Universidades incorporen este tipo de formación para todos os seus futuros titulados. Non debemos esquecer que grandes médicos, químicos, inxeñeiros, etc., colaboraron activamente na maior traxedia da humanidade como foi o Holocausto. No currículum das carreiras educativas dita formación debe ter a dobre componente de formación conceptual e formación didática (noutros lugares temos desenvolvido esta dobre esixencia de formación).
Pero, ademais do expresado, non está de máis insistir na idea de que a educación para a cidadanía rebasa os lindes dunha asignatura. Dito con outras palabras, o obxectivo de formar cidadáns críticos e participativos non compete exclusivamente ao profesorado que vai impartir a nova materia. Consideración que leva consigo a necesidade de planificar a formación dos estudiantes en todos os ámbitos dos centros educativos, moi especialmente no referente ao Plano de acción titorial e os planos de convivencia, á xestión democrática de aula e de centro, e ao fomento da participación dos órganos colexiados e dos diferentes sectores da comunidade educativa. A organización democrática é o contexto no que pode xerminar e sedimentarse o auténtico significado da cidadanía e dos dereitos humanos. Neste sentido, o alumnado aprenderá o que é a democracia vivindo en democracia; se queremos que a escola forme persoas democráticas ela mesma ten que estar organizada desde eses presupostos.
Xunto á visión integrada da formación da cidadanía, non debemos esquecer que os modelos de convivencia e a forma de exercer a cidadanía non se aprenden unicamente nos centros educativos, nin son responsabilidade exclusiva deles. Esta formación tamén debería formar parte dos contextos familiares, sociais, políticos e comunitarios nos que vivimos. A complexidade dos procesos educativos e a democracia necesitan da participación de todos os sectores mencionados, ademais de configurarse como unha forma prioritaria de exercer o civismo democrático.
Deste xeito, ao igual que se debería establecer un Plan específico de formación do profesorado, tamén debería facerse o mesmo coa formación de nais e pais, que integraría igualmente o referente ao ámbito da convivencia e o afrontamento non-violento dos conflitos, a idea de cidadanía, o estado de dereito e as regras e valores da convivencia democrática. Igualmente se necesita, e os centros educativos deben amosar capacidade de apertura e de integración, a participación das redes cívicas, das asociacións veciñais e xuvenís, das ONGs, dos concellos, os servicios de outras administracións, etc. En definitiva, dar voz ás diferentes voces para apoiar os valores dunha educación para a cidadanía democrática, a súa vez liderada polos centros educativos como alicerces dunha ética e cidadanía democráticas.

Nota:
Asignatura = disciplina; cadeira
Bacharelato = ensino secundário


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 172
Ano 16, Novembro 2007

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo