Página  >  Edições  >  N.º 138  >  Novo curso: tempo para a esperanza

Novo curso: tempo para a esperanza

En memoria das vítimas da Escola nº 1 de Beslán,
Osetia do Norte, Rusia.

Comezamos un novo curso e con él o ritual do reencontro, das tarefas pendientes, das ilusións que se depositan nun novo ano de traballo. Como profisionais da educación, e a pesar de todos os problemas laborais e de política educativa que poidamos ter ou prever, é o gran momento de renovar as nosas posibilidades de dar esperanza: esperanza nos novos estudantes que imos coñecer, esperanza nas súas e nas nosas posibilidades de aprendizaxe, esperanza nas diferentes situacións que viviremos e compartiremos, esperanza nas alternativas pedagóxicas que ensaiaremos, esperanza nas vidas que se están a formar, etc. Esperanza en que, tal vez, co noso traballo ganaremos a máis persoas para o mundo da cultura, para o pensamento racional, para o disfrute respetuoso das diferentes posibilidades que da a vida, para a democracia e a paz. Esperanza mesmo na incertidume do que acontecerá, das novos personalidades coas que interatuaremos, nas experiencias que nos deparará o futuro. Todo elo, sen dúbida, non exento de conflitos, porque na esperanza como na vida a relación conflitual sempre está presente e non ter por que ser necesariamente negativa.
Vivir a profisión con esperanza e dar esperanza aos nosos estudantes son sen dúbida dous aspectos clave na función educadora, tal como desenvolvemos no libro ?Educar para la verdad y la esperanza. En tiempos de globalización, guerra preventiva y terrorismos? (Paidós, Barcelona, 2004), que en breve publicará en Portugal Ediçoes ASA. En primeiro lugar, porque a esperanza forma parte da xenuina natureza da educación. En efecto, a educación é por definición un proxecto de futuro e unha entrega aos demáis para construir e reconstruir camiños e posibilidades. A esperanza de mellora que ten o educador ou educadora cara os seus educandos é unha característica intrínseca ao acto de educar. Tamén é un requisito profisional: os profesores e profesoras debemos ter confianza e esperanza nos nosos estudantes, nas súas posibilidades de aprendizaxe como unha condición inherente ao noso traballo. Entregamonos a eles coa esperanza de que crezan como persoas, que se desenvolvan en todas as súas facetas, que melloren en todos os sentidos, que contemplen e descubran novos horizontes. Nese proceso crecemos como persoas e como profisionais, e nese proceso e nos seus resultados obtemos a nosa mellor recompensa, a nosa maior alegría.
En segundo lugar, porque dar esperanza, ademáis dun acto supremo de solidariedade, é unha función que ennoblece e da sentido a nosa función educadora e tamén as nosas vidas. Levamos demasiados anos soportando no ámbito educativo a presión da desesperanza e da desilusión, que na nosa profisión ten efectos devastadores. Comprendemos a desesperanza dunha parte do colectivo docente que ten que afrontar experiencias educativas moi duras, e sabemos en carne propia do desgaste psíquico do noso traballo. Pero en modo algún somos o colectivo profisional que soporta piores condicións laborais ou con maiores tasas de desgaste psíquico, tal como se está a dicir en determinados foros. Todas as profisións ligadas ao ámbito das relacións humanas teñen un alto custe en pago psicolóxico, pero mesmo en situacións difíciles, dar esperanza é unha das nosas funcións máis fermosas e inaparazabeis. 
Por outro lado, afrontar a profisión con esperanza non significa caer na complacencia ou na inxenuidade. É evidente que temos moitas reivindicacións pendientes polas que loitar e, tamén neste ámbito, debe estar presente a esperanza: para conseguir melloras laborais, unha mellor formación do profesorado, boas instalacións nos centros, materiais curriculares de calidade, etc. Pero, como dicimos, por moitas necesidades que teñamos non debemos cercenar a nosa capacidade de dar esperanza aos nosos estudantes que constituen o motivo do noso traballo e son o futuro do país e da humanidade.
Nun novo comezo de curso é tamén tempo para alimentar a esperanza nas posibilidades da educación como factor de cohesión e xustiza social. A educación media nas nosas posibilidades de goce e de futuro, de aí a súa centralidade e a necesidade de que sexa unha aposta permanente ao longo da vida, moi especialmente na sociedade da información na que vivimos. Como temos manifestado, a educación por si sola non é suficiente para transformar a sociedade pero sen ela non hai posibilidade de cambio. A educación é unha das alternativas máis necesarias e prioritarias para acadar outro mundo máis xusto, nonviolento, plenamente democrático e respetuoso con todos e cada un dos dereitos humanos. Estamos diante dun novo curso, é tempo de esperanza.


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 138
Ano 13, Outubro 2004

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo