Página  >  Edições  >  N.º 121  >  A Guerra nunca mais

A Guerra nunca mais

Novamente estamos diante dun proceso bélico, pero neste caso coa implicación do noso país, por decisión do presidente do goberno, aínda que de momento non sabemos moi ben en qué medida, nen sequera os parlamentarios o saben, e isto di moito do talante democrático do Sr. Aznar.

A maior parte das guerras son decididas por unha minoría que buscan a súa ganancia, neste caso o control da segunda reserva de petróleo do mundo, e sufridas pola maioría da poboación. Nesta ocasión a guerra de EE.UU contra do Iraque foi anunciada con moita antelación polas autoridades norteamericanas, prácticamente podemos dicir que foi acordada uns días depois dos atentados do 11-S de 2001. Non foi polo tanto unha decisión que se adoptara no ámbito das Nacións Unidas, no marco do dereito internacional, senón que é un eslabón máis da política unilateral que está a imponer a actual administración norteamericana. Política unilateral que certamente non foi inventada por esta administración aínda que é ben claro que está a ser relanzada con grande forza desde os atentados do 11-S de 2001.
Unilateralismo norteamericano que supón unha forma de encarar a política desde unha perspectiva altamente problemática e conflictiva para a convivencia pacífica entre as nacións. Unilateralismo que leva consigo a recuperación da ideoloxía dual e maniquea da guerra fría, nós os bós fronte ao imperio do mal, antes o malvado comunismo agora o islam, o terrorismo musulmán e mesmo o musulmán. Esta simplificación e dualización da sociedade, ?os que non están comigo, están contra mín?, é un esquema coñecido e sufrido en varias partes do mundo, tamén en España en relación ao País Vasco. Este proceso de polarización está suficientemente estudiado que é un dos piores escenarios aos que se pode chegar para resolver un conflicto.
¿É inevitable esta guerra? Totas as guerras son evitables e ésta non é unha excepción. Neste caso mesmo é máis evidente o seu rexeitamento pola opinión pública porque se vai producir sen nenguha proba fehacente de que Iraque posee armas de destrucción masiva e sen que Iraque teña invadido nengún país como acontecera coa invasión de Kuwait en 1991. Sen embargo, a opinión pública mundial debería aproveitar este incidente para pedir explicacións aos países que teñen armas de destrucción masiva, sobre as súas cantidades e as súas finalidades, e, ademáis, no caso de EE.UU que xa as utilizou contra poboación civil nas cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki, saber as garantías que temos de que non volvan a usalas. Preguntar asimesmo ao goberno de George W. Bush por qué non asina o Protocolo de Kioto sobre cambio climático, ou o Tratado de prohibición total de minas antipersoas, ou o protocolo do Tribunal Penal Internacional ou o protocolo do Tribunal Internacional sobre Crímes de Guerra, ou pola súa retirada unilateral do Tratado Antimisís Balísticos, etc., etc.
A guerra debe ser evitada porque contradice os principios básicos da resolución nonviolenta dos conflictos, da democracia e da moral. Se realmente queremos sair da prehistoria das relacións sociais debemos romper coa violencia como forma de resolución de conflictos. A violencia é un xeito de encarar os conflictos pero non de resolvelos. A violencia anula ou apraza o conflicto matando ou anulando a outra parte, pero non resolve o conflicto. E, tal como nos amosa a historia, máis cedo que tarde volve a rebrotar nun escenario máis complicado de resolver. Estamos en contra desta guerra porque estamos en contra de calquer tipo de violencia. Por eso condenamos os atentados de ETA e a violencia de xénero; a violencia dos que sufren a inxustiza e das persoas discriminadas. Polo tanto, tamén condenamos esta guerra que sufrirán especialmente os inocentes, despois de estar soportando un embargo xenocida durante máis de dez anos. A mortalidade infantil en Iraque experimentou nos últimos dez anos o maior crecemento de todos os países do mundo.
A guerra debe ser evitada porque existen outras formas de control e de presión sobre Sadam como reflexa a proposta de Francia, Alemania e Bélxica. A guerra é evitable se conseguimos que a cidadanía se mobilice tal como está a acontecer coa maior resposta social que ten acontecido na historia de Galicia pola agresión do Prestige e a posterior ineficacia, soberbia e desprecio das autoridades autonómicas e estatais que chega aos nosos días. A autonomía e a autoorganización da cidadanía galega que simboliza a Plataforma Nunca Máis é un exemplo de dignidade, de pluralidade e de coraxe cívico que debe ser trasladado tamén para deter esta nova agresión a un pobo no que a UNICEF nos lembra que morren diariamente 5.000 nenos/as por falta de medicinas, desnutrición  e falta de coidados médicos. ¡Xa está ben de agresións! O exemplo cívico que estamos a protagonizar milleiros de galegos e galegas e de outras partes do Estado debe convertirse unha marea viva e permanente de fortalecemento dos espacios de convivencia democrática, de defensa dos espacios naturais, de construcción dunha sociedade máis xusta e máis libre.


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 121
Ano 12, Março 2003

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo