Página  >  Edições  >  N.º 110  >  Educar para o desenvolvemento e a xustiza

Educar para o desenvolvemento e a xustiza

A pobreza é a maior e máis cruel das violencias que soporta o ser humano. Situación á que non só non debe ser indiferente á educación senón que ademáis debe ocupar un lugar preferente en todas as áreas e etapas educativas. Para elo debemos invitar ao noso alumnado a dirixir a nosa mirada tanto ás poboacións do sul do planeta como ao que denominamos cuarto mundo -os pobres e excluidos do primeiro mundo-. Non podemos esquecer que tanto nun caso como no outro, a distancia entre a riqueza e a pobreza lonxe de diminuir está a aumentar. Algo falla neste sistema consagrado ao mercado e á libre competencia cando non é capaz ou non lle interesa solucionar este grave problema cando por outro lado é "técnicamente" posible. A lóxica do mercado imperante, asentado no culto da eficacia, do trunfo a calquer precio, da competitividade, está a nos levar a catro grandes consecuencias que acentúan a exclusión social e que teñen as súas repercusións no plano educativo:

  • A reducción da presencia do estado, o que se ten denominado o "estado mínimo".
  • A privatización das funcións públicas, como está a acontecer coa educación e a sanidade.
  • A desregulación dos controles públicos, xa que se cree que o mercado o fará.
  • A promoción da cultura da xestión empresarial como modelo a imitar, e que desde hai anos está a ter unha forte incidencia na organización e xestión dos centros educativos.

Frente a lóxica do mercado, da indiferencia, dos intentos de convertirnos en clientes en lugar de cidadáns, a educación para a paz, o desenvolvemento e a xustiza funde as súas esperanzas nunha das manifestacións máis tenras e xenuinas do ser humano, a solidariedade, "la ternura de los pueblos" en palabras de Ernesto Cardenal. Por medio da planificación de accións concretas, decididas por toda a comunidade educativa a través dos órganos democráticos de xestión, a solidariedade debe ser un dos sinais de identidade de todos os centros educativos. En consecuencia, propomos que cada comunidade educativa aprobe anualmente un proxecto de solidariedade que ben pode ser para intervir na zona de influencia do centro ou noutra localidade ou país. Proxectos que poden ocupar o traballo e os esforzos de máis dun ano académico e que teñen como obxectivo central facilitar ao alumnado, as súas familias e ao profesorado un cambio de actitudes e comportamentos en relación ao problema dos desequilibrios económicos, sociais e culturais, dentro e entre os pobos.
Pero ademáis, a educación para o desenvolvemento e a xustiza esixe analizar igualmente as prácticas que se producen no propio sistema educativo, co fin de evitar calquer tipo de discriminación ou inxustiza. Por elo, hai unha serie de preguntas clave que non podemos obviar

  • ¿Quen fracasa no sistema educativo?
  • ¿O sistema educativo reforza aos que máis o necesitan ou polo contrario aos que menos?
  • ¿Existe realmente a igualdade de oportunidades?
  • Baixo o térmo de atención á diversidade, ¿escondense medidas discriminatorias, de exclusión?
  • ¿Que tipo de respostas educativas ofrecen os centros aos diferentes tipos de diversidade?
  • ¿Que tipo de medidas -de recursos humanos, pedagóxicas, etc.- ofrecen as administracións educativas para a atención da diversidade?

Desde esta lectura, insistimos en que a educación non é un ben de consumo, con independencia de que para algúns si o sexa, senon que ante todo é un dereito de todas e todos recollido como tal no artigo 26 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e na maior parte das constitucións europeas. Neste sentido, como sinala Connell, a xustiza social en educación non só pode estar centrada sobre o "cánto" (anos de escolarización e acceso aos estudios superiores), senón tamén no "qué", o propio currículum, a "xustiza curricular". Por elo, coincidimos con este autor cando afirma que "unha educación que privilexia a un neno sobre outro está dando ao primeiro unha educación corrupta, á vez que lle favorece social ou económicamente". En definitiva, trátase de analizar a exclusión social non só desde a orixe social do alumnado senón tamén aquela que pode xerar o propio sistema educativo, en moitos casos tomando como coartada un mal entendimento da diversidade.


  
Ficha do Artigo
Imprimir Abrir como PDF

Edição:

N.º 110
Ano 11, Março 2002

Autoria:

Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega
Xesús R. Jares
Profesor da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña. Coordinador de Educadores/as pola Paz, Nova Escola Galega

Partilhar nas redes sociais:

|


Publicidade


Voltar ao Topo